Thursday 02 de May de 2024

O uso do móbil na infancia centra a nova charla do ciclo “Acompañar no reto de educar”


Aberto o prazo para apuntarse nas sesións do mes de abril deste proxecto socioeducativo impulsado polos concellos de Fene, Neda e Mugardos

O uso de móbiles na infancia, como actuar con menores en situacións de risco, e a resolución de conflitos serán os tres asuntos que se abordarán durante o mes de abril as charlas de “Acompañar no reto de educar”. O ciclo, coorganizado polos concellos de Fene, Mugardos e Neda, abre o prazo de inscrición para participar nas súas novas entregas.
O vindeiro luns terá lugar a primeira das sesións, na que se dará resposta á pregunta de a que idade pode darse un teléfono móbil a un neno ou a unha nena. Unha cuestión que nalgún momento se fan todos os pais e as nais.
Na charla, que leva por título, “Primeiro móbil, como cando, e baixo que condicións”, reflexionarase sobre como condicionan estes dispositivos electrónicos o comportamento da rapazada, e sobre a necesidade de pór normas para a súa utilización, entre outras cousas, para previr condutas aditivas.
Nas seguintes semanas afrontaranse novas temáticas. Así, o día 15 programarase unha charla sobre “Pautas de actuacións para familias con menores en situacións de risco”. Unha entrega para orientar ás familiar sobre como poden actuar ante rapaces e rapazas que teñen problemas de drogadicción, que teñen ideas suicidas… E na sesión do 29 de abril falarase da resolución de conflitos dende a educación emocional.
Como ven sendo habitual, as charlas desenvolveranse de 18 a 20 horas na casa da cultura fenesa, e estarán dirixidas a familias dos escolares dos tres municipios, ademais de entidades asociativas.
Para participar cómpre apuntarse a través do formulario dispoñible na web municipal, onde se deberá indicar a necesidade ou non de servizo de conciliación para facilitar a participación.